PONTEVEDRA> Continúa o tira e afrouxa pola negativa da Xunta a conceder un Grupo de Emerxencias Supramunicipal ao Grove. Hoxe saltou á palestra a Deputación de Pontevedra. A súa presidenta sinala a Alfonso Rueda como responsable da decisión que, asegurou, se debe a que o municipio está gobernado polo PSOE. Dende a Xunta, pola súa banda, acusan a Silva de facer política con esta cuestión, e emprázana a abordar o novo mapa dos GES na comisión de seguimento.
Indignación na Deputación de Pontevedra ante a negativa da Xunta de dotar o concello do Grove cun Grupo de Emerxencias Supramunicipal. Carmela Silva acusa a Alfonso Rueda de mentir, e de tomar a decisión por cuestións políticas.
Silva asegurou que no 2014 Xunta, Deputación e concello do Grove acordaron a creación dun GES na vila á marxe do convenio destes grupos. Dende o 2017, o goberno provincial solitia á Xunta que se incorpore este servizo con dobre sede.
A presidenta provincial esixiu ao seu homólogo na Xunta de Galicia que se tomen as medidas para incorporar ao Grove ao sistema GES. Na actualidade, o servizo máis próximo na zona é o de Sanxenxo e tardan máis de 20 minutos en chegar ao municipio.
A reclamación de Silva tivo resposta do director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia. Santiago Villanueva asegura que a decisión de crear un non GES corresponde á Comisión de Seguimento dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais, no que a Deputación ten presenza. Por iso emprazou á presidenta a abordar esta cuestión na vindeira cita. Villanueva lamentou tamén que o eido das emerxencias sexa utilizado con fins políticos por Carmela Silva.