A Durán parécelle ‘moi ben’ que o PP volva á Mancomunidade, pero di que toca renovar o partido no Salnés

O SALNÉS> A Mancomunidade do Salnés desata unha crise no PP comarcal. O boicot dos populares ó ente comarcal saltou onte polos aires, ó tomar posesión tres vogais do PP: da Illa, Cambados e Sanxenxo. Os que volven á Mancomunidade din que o fan por unha cuestión de responsabilidade. O alcalde de Vilanova, pola súa banda, asegura que a decisión dos seus compañeiros lle parece “moi ben” porque no PP, cada un manda na súa vila.

O PP volve, en parte, á Mancomunidade do Salnés. Ao organismo comarcal regresaron vogais populares da Illa, Sanxenxo e Cambados. A súa toma de posesión fai que o boicot impulsado polo alcalde de Vilanova rache en dous.

Os que volven din que se trata dunha cuestión de responsabilidade, polos intereses comarcais e dos concellos que representan. Un deles, é o cambadés Luís Aragunde. Asegura que comprende e comparte a postura de Gonzalo Durán, pero que o seu deber é formar parte da Mancomunidade.

Pero o certo é que este cambio de posición dos populares desata unha crise no seo do partido. A falta de que o sanxenxino Telmo Martín tome posesión no vindeiro pleno, Gonzalo Durán queda practicamente só na súa ofensiva contra a nova presidenta comarcal. O vilanovés asegura que o regreso dos seus compañeiros non é un problema para el.

Con todo, o vilanovés aproveita para abrir outro capítulo: o da renovación do PP na comarca.

A presidenta da Mancomunidade, entre tanto, celebra o regreso dos representantes do PP ó Pleno comarcal. Reitera o seu ofrecemento a Durán para que se incorpore cando queira.

Con todo, Durán mantén que non volverá ó Pleno porque a elección da nova presidenta foi ilegal. De feito, o popular avanza que foi admitida a trámite a denuncia no contencioso administrativo por ser a secretaria e non el, como presidente, o que convocou o pleno que lle outorgou o poder a Marta Giráldez.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí