A CIG convoca para o 8 de marzo unha folga de mulleres

VILAGARCÍA> A CIG prepárase xa para a celebración do Día da Muller Traballadora. O sindicato convoca para o vindeiro 8 de marzo unha folga de mulleres. Esta protesta vai ser secundada por máis de 50 países de todo o mundo, co obxectivo de reivindica-la igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no ámbito laboral.

A CIG quenta motores para a celebración do Día Internacional da Muller Traballadora. O sindicato convoca para o 8 de marzo unha folga de mulleres, un acto reivindicativo que busca ser unha chamada de atención ás administracións, para que loiten pola igualdade laboral entre homes e mulleres.

As mulleres traballadoras que queiran secundar esta folga poderán facelo en quenda de mañá, tarde ou noite, cun paro de dúas horas. Segundo salienta a CIG, esta é a primeira vez que se organiza unha xornada de paro á que só están chamadas as mulleres.

Aqueles centros de traballo que queden máis afastados das principais mobilizacións tamén se poderán unir á xornada reivindicativa. Para iso, a CIG vai promover concentracións ás portas das propias empresas, tamén o día 8 de marzo. Para iso, a central nacionalista xa iniciou unha rolda de contactos con algunhas factorías da zona, para que as súas traballadoras se unan á xornada.

Dende a CIG, denuncian que o 8 de marzo non é unha xornada festiva, senón un día de reivindicacións. Para a central, en pleno ano 2018 as diferenzas laborais entre homes e mulleres seguen a ser moi evidentes, cun gran número de contratos a tempo parcial, grandes diferenzas salariais e mesmo episodios de discriminación pola maternidade.