LOUSAME> Esta pasada fin de semana inaugurábase na Casa de Cultura de Lousame unha nova exposición. A mostra, baixo o título ‘Lousame en fotos’, está organizada polo Club de Xubilados. Nela recóllense un cento de instantáneas cedidas polos propios socios da entidade.
A alcaldesa, Teresa Villaverde, foi a encargada de presidir esta pasada fin de semana o concorrido acto inaugural da exposición ‘Lousame en Fotos’, a mostra que dende esta pasada fin de semana e ata o próximo seis de marzo de poderá visitar na casa de cultura da localidade.
A exposición, organizada polo Club Local de Xubilados, componse dun cento de fotografías antigas do municipio, cedidas por vinte e tres socios da entidade. Para a súa montaxe o Club de Xubilados contou coa colaboración do Concello e o financiamento da Deputación da Coruña. Na mostra poden verse fotografías de todo tipo: aldeas das distintas parroquias, retratos de persoas, oficios, grupos, festas…
Durante o acto, a rexedora anunciou que o Concello ten intención de editar un libro coas fotografías antigas recollidas nesta exposición, ó que se incorporarán tamén as novas achegas que vaian facendo os veciños.