Un irmán do bateeiro desaparecido localiza o seu corpo en Ons

A ILLA> Localizado o corpo do bateeiro da Illa de Arousa que desapareceu o pasado martes. Tras catro días de busca, Harri Otero foi atopado moi preto do punto no que desapareceu ao norte da illa de Ons e a 20 metros de profundidade. O achado facíao un dos seus irmáns, que formaba parte do grupo de mergulladores voluntarios que se botaron ao mar estes días para localizar ao seu veciño. A Illa decretou tres días de loito oficial.

Pouco antes das 2 do mediodía de hoxe remataban os catro días de incertidume da familia de Harri Otero, o mariñeiro da Illa de Arousa que desapareceu o martes ao norte da illa de Ons. O corpo foi localizado entre O Centulo e o sinal marítimo de Torre de Camouco, a vinte metros de profundidade, moi preto do lugar no que un golpe de mar afundiu a planadora na que ía con outros dous mariñeiros, un irmán seu e o patrón, que conseguiron chegar a terra nadando.

O irmán formaba parte dun grupo dos múltiples mergulladores e mariñeiros voluntarios da Illa que se lanzaron ao mar cos seus propios medios para buscar ao seu veciño desaparecido. Tanto o alcalde como a familia do falecido, agradecíanlles o esforzo.

Tras chegar ao peirao insular de Cabodeiro, o cadáver de Harri foi trasladado para facerlle a autopsia. Moitos veciños achegáronse para apoiar aos familiares nestes duros momentos.

O concello da Illa decretou tres días de loito oficial, dende esta medianoite ata a medianoite do luns para o martes.