Pode aposta por incrementar o rendemento do viñedo aos 15.000 kg por hectárea

CAMBADOS> Cambados Pode aposta por incrementar as cotas de produción de uva ata os 15.000 quilos por hectárea. A medida aplicaríase de xeito puntual, tendo en conta a calidade da uva, as estimacións de colleita e os stocks das adegas. Nunha moción que irá ao vindeiro pleno, instan ao Consello Regulador a aplicar esta posibilidade, que xa recolle o regulamento do órgano. Segundo José Ramón Abal, este incremento podería supoñer un beneficio de máis de 6 millóns de euros para o sector de Rías Baixas.

Cambados Pode quere instar á Denominación de Orixe Rías Baixas para que incremente as cotas de rendemento do viñedo. Na actualidade está fixado en 12.000 quilos por hectárea, pero dende a formación cren que esta marxe podería aumentarse en base ás estimacións de colleita.

A posibilidade de incrementar nun 25% estas cotas ata os 15.000 quilos por hectárea xa está recollida no regulamento do Consello Regulador, aínda que en moi poucas ocasións o pleno do órgano aplicou este aumento. Porén, dende Cambados Pode aseguran que tería un gran impacto na economía da zona.

A formación levará a moción ao pleno de Cambados, pero a intención é conseguir o apoio doutros concellos vitivinícolas, como Ribadumia ou Meaño.

Segundo Abal, nos últimos anos o Consello Regulador só aprobou un incremento na produción na colleita de 2011. Esa campaña os viticultores venderon un 15% máis de uva.