Noia repartirá máis de oito mil euros en premios nos concursos de disfraces

NOIA> O Rally París–Dakar, o próximo 28 de febreiro, volverá a ser un dos principais atractivos do entroido noiés que este ano vén cargado de importantes novidades.

O entroido noiés contará este ano cun amplo programa de actividades que se desenvolverán do 21 ó 28 de febreiro. Unha das principais novidades da programación será a festa ‘Eu fun a EXB-BUP’ polas rúas do casco histórico coa que se dará inicio tamén ós festexos.

O luns de entroido celebrarase o tradicional  concurso infantil de disfraces no pavillón municipal a partir das seis da tarde. Nel repartiranse preto dos dous mil euros en premios. O martes, ás sete, terá lugar o tradicional Velorio da Sardiña na Praza de Abastos, que incluirá unha chocolatada ofrecida polos Usuarios Praza de Abastos de Noia e o mércores terá lugar o Enterro da Sardiña, con saída dende a Praza do Tapal.

Aínda así o evento de maior sona do entroido noiés volverá a ser o Rally París–Dakar que terá lugar o próximo 28 de febreiro con saída na explanada de Labarta. Este ano ademais, para incentivar a participación da veciñanza, o Concello decidiu convocar dous premios especiais para disfraces de veciños da localidade, de 300 euros cada un.