Condenado a 32 anos de cadea o salesiano que abusou de seis menores durante un campamento en Cambados

CAMBADOS> Condenado a 32 anos e medio de cadea o sacerdote que abusou de seis menores durante un campamento en Cambados. A sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra deuse a coñecer esta mesma tarde. Considera acreditado que o investigado cometeu sete delitos de abuso sexual, tres deles continuados.

O tribunal asegura que o acusado, que era mestre de relixión do colexio Salesianos de Vigo, aproveitou “a situación de superioridade derivada da súa profesión”, da confianza que os menores depositaran nel e da relación de amizade que lles unía, “que ía máis aló da de profesor-alumno”, para realizarlles tocamentos. Os maxistrados salientan na sentenza que a determinación da autoría do sospeitoso foi consecuencia, fundamentalmente, do testemuño das vítimas dos abusos, que declararon que quedaron “en shock” cando lles ocorreu, sen ser capaces de reaccionar porque non podían crer que o sospeitoso lles puidese facer algo así.

Os feitos aconteceron no 2019, cando as vítimas tiñas 15 anos, durante ese campamento que tivo lugar en Cambados e tamén durante unha peregrinación a Santiago. Nun dos casos, os abusos producíranse durante a visualización da final da Champions League nunha asociación xuvenil da que o colexio estaba a cargo.

Ademais desa pena de 32 anos e medio de cárcere, foi condenado a 36 anos de liberdade vixiada, o pago dunha indemnización de 76.000 euros ao conxunto das vítimas, así como a inhabilitación para calquera traballo que conleve contacto con menores de idade durante os próximos 31 anos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí