As mariscadoras a pé e a asociación veciñal de Vilaxoán colaboran para rexenerar a praia do Castelete

VILAGARCÍA> As mariscadoras a pé e a Asociación de Veciños de Vilaxoán realizaron este mércores unha xornada de recollida de lixo na praia canina do Castelete. O obxectivo das mariscadoras é rexenerar o areal para poder realizar alí a súa actividade produtiva. No caso da asociación, a súa idea é mellorar a praia para evitar as problemáticas dos cans e das persoas e poñer así en valor o Castelete.

A praia do Castele en Vilaxoán, máis coñecida como a praia canina, foi no seu día un espazo onde as persoas sen coidado tiraban o seu lixo. Ao convertela nunha praia canina, o areal foi gozando de máis coidado e limpeza pero para deixala totalmente renovada, as mariscadoras a pé e a asociación de veciños realizaron este mércores unha xornada de recollida de lixo.

Nas súas tarefas, ambas asociacións atoparon lixo de todo tipo.

Dende a agrupación de mariscadoras a pé teñen como obxectivo rexenerar a praia para poder realizar nela tarefas de produción e recollida de ameixa.

No caso da asociación de veciños, o seu obxectivo é poñer en valor o areal e facelo máis atractivo para os visitantes, xa sexan persoas ou cans.

Dende a Asociación Veciñal piden ás administracións que doten á praia de contedores para que a xente poida tirar o lixo que se atopa e así colaborar a rexenerar a praia. En canto ás mariscadoras, nas vindeiras datas a Xunta de Galicia realizará un aporte de area para que as traballadoras poidan sementar e aumentar as súas áreas de produción.