Cambados presume dos seus escumosos no Essspop

CAMBADOS> Essspop conquista Cambados. A oitava edición das xornadas de escumosos de Rías Baixas deixa moi bo sabor de boca na localidade. O Salón Peña foi un ir e vir de xente durante esta pasada fin de semana, atraídos polo produto, pero tamén pola variada oferta paralela programada. No Concello celebran o éxito das xornadas, aínda que avanzan que valorarán un cambio de data, para antes do Nadal, para satisface-las demandas dos hostaleiros da vila.

Cambados fai un balance máis que positivo de Essspop, a oitava edición das xornadas de viños escumosos de Rías Baixas. Dende o venres e ata onte domingo, o Salón Peña foi un ir e vir de xente. Tamén moi boa acollida das actividades paralelas que se foron organizando ó longo destas tres xornadas.

As xornadas viviron nesta edición un gran lavado de cara, cunha renovada imaxe e unha evocadora denominación que busca posicionar ós escumosos como unha bebida que casa ben tanto con doces como con salgados. Para demostralo, o Essspop viu acompañado de degustación de conservas mariñeiras da localidade.

Malia a boa acollida do Essspop, os hostaleiros e adegueiros cambadeses coinciden en que esta época do ano, se cadra, non é a máis axeitada para celebra-las xornadas. O Concello comprométese a buscar outra data alternativa de cara á vindeira edición.

No Essspop participaron 13 adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas. Ademais das charlas, cursos e obradoiros, o programa completouse cunha ampla proposta musical ao longo dos tres días.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí