Sirát ou Matria, entre os filmes programados na primeira mostra internacional ‘Sanxenxo de cine’

SANXENXO> Sanxenxo impulsa a súa primeira mostra internacional de cinema. O concello pon en marcha ‘Sanxenxo de cine’, unha iniciativa que traerá á vila catro filmes de renome a finais de xuño. Entre eles, Sirát, a última película de Oliver Laxe, premiada esta pasada fin de semana no festival de Cannes. A mostra, explicaron esta mañá, ten vocación de continuidade.

Sanxenxo ten teatro, música ou danza, pero faltáballe algo: o cine. Este é o motivo que levou ao concello a impulsar a primeira mostra de cinema internacional ‘Sanxenxo de cine’. Unha proposta que chega á vila pisando forte, coa proxección de catro filmes que sitúan a Galicia no mapa das grandes propostas audiovisuais.

As proxeccións terán lugar no auditorio Emilia Pardo Bazán do 26 ao 29 de xuño. Matria, Polvo Serán, Malencolía e o prato forte, Sirát. Trátase do último fime de Oliver Laxe, que esta pasada fin de semana se facía co premio do xurado en Cannes, o festival de cine máis prestixioso do mundo.

Unha mostra, explicaron esta mañá, que sirve tamén para traer de novo a Sanxenxo o cine, un municipio onde xa non quedan salas.

Os horarios concretos das proxeccións daranse a coñecer en breve. As entradas terán un prezo simbólico.