PONTEVEDRA> O presidente do PP de Pontevedra e o portavoz do PP de Poio mostraron hoxe o seu rexeitamento ao peche de Raíña Vitoria. Os populares realizaron hoxe un paseo dende a rotonda da Barca ata esta rúa para manifestar a súa oposición a esta medida e para reclamar ao Concello un estudo de tráfico.
O PP de Pontevedra e o de Poio únense contra o peche de Raíña Vitoria. Os populares achegáronse hoxe ata aquí para manifestar o seu rexeitamento á medida adoptada polo Concello. Unha decisión tomada de maneira unilateral e que afecta a todos os veciños e comerciantes da zona.
Con este paseo, os populares quixeron facer fincapé nas consecuencias negativas desta medida. Un peche ao tráfico que ocasiona importantes retencións na cidade e que para os populares ten un obxectivo claro: cortar a circulación da Ponte da Barca.
Rafa Domínguez quixo deixar claro hoxe que o seu partido non está en contra do modelo de cidade de Pontevedra pero cre que é fundamental que se realice canto antes un estudo de tráfico na zona.
Os populares presentarán no próximo Pleno unha moción sobre o peche desta rúa, unha das arterias principais da cidade.