Galicia ábrese ao turismo internacional aproveitando o Xacobeo 2022

MADRID> Galicia preséntase en Fitur como un destino aberto ao turismo internacional da man do Xacobeo. Baixo o lema Camiña a Galicia, o presidente e o vicepresidente da Xunta, xunto co alcalde de Madrid, José Luís Martínez Almeida, destacaron toda a oferta turística da nosa comunidade.

O humorista David Amor encargouse de conducir o acto de presentación do stand de Galicia en Fitur. Cun aspecto totalmente renovado, moderno e colorido, o novo espazo galego quere demostrar o que é Galicia, unha comunidade aberta, natural e segura.

A presentación de Galicia en Fitur xirou en torno ao Xacobeo 2022 baixo o lema Camiña a Galicia.

O turismo, a pesar da pandemia creceu en Galicia no 2021 grazas ao bo traballo do sector turístico. Dentro do camiño, destaca a presenza de peregrinos internacionais, que supuxo máis do 60% dos camiñantes. Na campaña deste ano destaca o reclamo internacional.

No acto tamén estivo presente o alcalde de Madrid, José Luís Martínez Almeida. O rexedor puxo en valor o camiño de Santiago dende Madrid e destacou toda a oferta turística de Galicia.

O stand galego complétase cun botafumeiro, diferentes mostradores das grandes cidades galegas, así como de outros destinos como Sanxenxo, e un pequeno anfiteatro onde se levarán a cabo as catas e degustacións. Ao longo destes tres días, o stand galego acollerá máis de 50 presentacións e 20 catas.