BOIRO> O balance da noite do venres en Boiro non puido ser peor. Unha vaga de actos vandálicos no centro da vila saldouse con varios vehículos e contedores calcinados. A Garda Civil investiga os feitos para dar cos autores destes sucesos.
A primeira madrugada do entroido deixou un regueiro de actos vandálicos en Boiro. Catro vehículos e tres contedores calcinados son o resultado dunha serie de pequenos incendios provocados en varios puntos do centro da vila. Ocasionaron ademais danos nas fachadas de varios edificios.
A Garda Civil investiga os feitos co visionado das cámaras de seguridade e a declaración de varias testemuñas para identificar a un individuo que fuxiu tras ser sorprendido intentando provocar outro incendio na avenida da Constitución.
Dende o concello aclararon que, a pesar da gravidade dos feitos, trátase dun caso illado polo que fan un chamamento á tranquilidade.