O GROVE> Concentración de repulsa no Grove ó violento ataque machista sufrido por unha veciña da localidade o pasado mércores. Unhas 200 persoas déronse cita ás portas da Casa do Concello para amosa-lo seu apoio ás vítimas da violencia machista. O alcalde aproveitou para reclamar un ‘cambio na ollada da sociedade’ para poñerlle freo a esta lacra contra as mulleres.
Para apoia-las vítimas e para que os maltratadores non saian impunes. Ducias de persoas concentráronse esta mañá no Grove para amosa-la súa repulsa á violencia machista. Os veciños da localidade acudiron á chamada de apoio á súa veciña, atacada na súa propia casa polo seu exmarido. A pesar do mal tempo e de ser convocada con pouco máis de 12 horas de antelación, o acto serviu para escenifica-la unión de toda a vila contra o ocorrido o pasado mércores.
Na concentración gardáronse cinco minutos de silencio en apoio á vítima. Tamén se deu lectura a un manifesto no que se reclamou un cambio na sociedade e tamén máis contundencia contra os agresores.
Na concentración tamén participaron representantes do Soño de Lilith. Dende o colectivo feminista denuncian que o que falla é o sistema.
E o certo é que neste caso algo fallou. A vítima seguira todos os pasos, pero aínda así o seu agresor conseguiu, en parte, o seu obxectivo.
A Garda Civil investiga agora como a súa exparella foi quen de facerse cunha copia das chaves da vivenda, situada na rúa de Castelao.