O pleno de Ribeira apoia as demandas da Plataforma para cubrir as prazas médicas do centro de saúde

RIBEIRA> Acordo unánime do pleno de Ribeira para solicitar a incorporación de médicos e a cobertura de tódalas vacantes, no centro de saúde, a raíz dunha moción presentada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza. Na sesión, o alcalde anunciou tamén a inminente publicación do estudo alternativo da variante de circulación do municipio.

A situación da atención primaria centrou boa parte do pleno ordinario de Ribeira no que se someteu a debate unha moción presentada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza.

Ademais de reclamar a incorporación de profesionais para completar o cadro de persoal do centro de saúde ribeirense, demandan a cobertura de tódalas vacantes e baixas por vacación.

A iniciativa contou co respaldo unánime da corporación, agás no punto relativo á colocación dunha gran pancarta nun edificio público Aquí o concelleiro socialista Francisco Suárez- Puerta optou pola abstención ó considerar que podería estar a pervertirse o uso das instalacións públicas, abrindo a porta a outro tipo de mensaxes.

Durante o pleno debateuse tamén unha pregunta presentada polo PP relativa ós avances da variante e á viabilidade do estudo alternativo. O alcalde informou que se darán a coñecer as conclusións deste informe e se porán a disposición pública de toda a cidadanía nos próximos días.