PONTEVEDRA> O modelo de cidade de Pontevedra volve estar no radar internacional. A capital é unha das tres finalistas ao primeiro premio que entrega a Comisión Europea en Seguridade Viaria, e opta ao galardón por non ter rexistrado falecidos en accidentes de tráfico en vía urbana dende o 2011. O gañador coñecerase o vindeiro 30 de marzo en Bruxelas.
O vindeiro 30 de marzo Pontevedra podería facerse cun novo galardón polo seu modelo urbano. A cidade é unha das tres finalistas ao primeiro premio que entrega a Comisión Europea en seguridade viaria.
E é que a cidade non rexistra ningún falecemento en accidente de tráfico nas vías urbanas dende o 2011. Isto valeulle estar entre as tres finalistas, competindo coa turca Ordu e a polaca Jaworzno, despois de impoñerse a outras 26 cidades europeas, entre elas 10 españolas.
A candidatura pontevedresa chega respaldada por un modelo integral, que supuxo unha revolución completa da cidade.
Estes cambios reflíctense nas cifras. No 1999, máis de 100.000 vehículos entraban e saían a diario da cidade. Entre 1994 e 1999, 25 persoas faleceron en accidentes de tráfico nas vías urbanas, ata os cero que se rexistran na actualidade dende o 2011. En canto aos feridos graves, só houbo 14 nos últimos nove anos, fronte aos 69 do 99.