Agosto ‘espectacular’ na provincia de Pontevedra, que iguala os datos de ocupación de 2019

PONTEVEDRA> O turismo nas Rías Baixas deixa atrás a pandemia. A ocupación hotaleira en Pontevedra no mes de agosto foi dun 83%, dato que iguala a situación precovid. Estas cifras sitúan á provincia como o territorio de Galicia con máis visitantes, e entre os punteiros de todo o Estado.

O mes de agosto en Pontevedra rachou con todas as previsións. A ocupación media dos establecementos hotaleiros foi do 83%. Un dato que sitúa á provincia en tempos prepandemia.

Por comarcas, O Salnés foi a máis visitada cun promedio do 88,4%. A de Pontevedra acadou o 85%, mentres que a de Caldas chegou ao 81,4%. Por concellos, Sanxenxo foi o segundo máis demandado, só detrás de Baiona, cun 89% de ocupación. Neste top5 están tamén O Grove e Pontevedra, que acadaron o 87,2% e o 82,2% respectivamente.

Dende a Deputación destacan a promoción do destino como unha das claves deste éxito. O 95% dos visitantes foron nacionais cunha media de idade entre 35 e 60 anos, que permaneceron na provincia entre 7 e 15 días. Interesados, sobre todo, no ocio e na cultura.

Neste balance cabe destacar tamén os dato do turismo rural, cunha ocupación media do 907% e das vivendas turísticas, que acadaron o 99%.

De cara ao mes de setembro, o Observatorio de Turismo Rías Baixas volve optar pola prudencia nas súas predicións. Así, calcula que a ocupación hotaleira roldará o 43%.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí