PONTEVEDRA> Os traballadores de urxencias pediátricas do Hospital Provincial reclaman melloras no servizo. Hoxe concentráronse ás portas do centro para denunciar varias carencias. Unha delas, que os pacientes de psiquiatría teñan que ser atendidos no medio das urxencias materno infantís. Nunca houbo ningún incidente grave, pero si que perciben perigos para a seguridade das persoas.
Esta é a situación que se vive en moitas ocasións nas urxencias materno infantís do Hospital Provincial de Pontevedra e que hoxe quixo denunciar o cadro de persoal cunha concentración convocada polos sindicatos. O servizo atende tamén as urxencias psiquiátricas e, aínda que insisten en que nunca se rexistrou ningún problema grave, cren que non é unha situación idónea.
Pero este non foi o único motivo que levou aos profesionais á rúa. Tamén denuncian un intento do servizo de xinecoloxía por mudar o protocolo de atención das urxencias xinecolóxicas e obstétricas: queren que as mulleres sexan valoradas inicialmente polos médicos de urxencias. Na actualidade, as doentes reciben directamente a atención dos especialistas.
Ademais, os profesionais comparten outra reclamación que si se estende polos centros sanitarios galegos: a falta de persoal fixo, que se substitúe con contratos eventuais que dificultan a organización dun servizo chave como é o de urxencias.