PONTEVEDRA> Definir as competencias das diferentes administracións e conseguir un mellor financiamento local para os Concellos. Eses son os obxectivos que se marca a FEGAMP. O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias visitou esta mañá ao alcalde de Pontevedra co obxectivo de definir os retos máis salientables de cara aos vindeiros 4 anos.
O alcalde de Pontevedra mantivo esta mañá unha primeira toma de contacto co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias. Na reunión, tanto Alberto Varela como Miguel Anxo Fernández Lores coincidiron en cales deberían ser os retos para os vindeiros 4 anos. O principal, mellorar na definición das competencias das diferentes administracións.
Outro dos retos que se marca o presidente da FEGAMPestá relacionado co financiamento dos Concellos. Alberto Varela recordou que soamente o 30% dos fondos destinados pola Xunta aos municipios galegos son distribuídos baixo criterios obxectivos.
A conexión entre Vilagarcía e Pontevedra foi outro dos asuntos debatidos esta mañá. Alberto Varela asegurou que fará todo o posible para que se mellore, nos vindeiros anos, a estrada PO-531.
Tras este encontro, o presidente da FEGAMP continuará a súa rolda de contactos cos alcaldes e alcaldesas das grandes cidades galegas. O obxectivo, coñecer as demandas dos diferentes municipios para poder abordar así con maior facilidade as súas necesidades.