RIANXO> A Xunta de Galicia vén de iniciar as obras de ampliación da actual Estación Depuradora de Augas Residuais de Rianxo. O proxecto que desenvolverá a consellería de Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, suporá un investimento duns 7,5 millóns de euros. Entre as actuacións previstas figura adecuar a capacidade de tratamento da planta ás necesidades reais do municipio e darlle solución á problemática actual derivada do excesivo volume de augas residuais na rede e da súa excesiva carga contaminante Para conseguir todas estas melloras prevese realizar unha condución de impulsión, a ampliación da propia estación depuradora e a instalación de novas tubaxes para o desaugadoiro. Os traballos de mellora na EDAR completaranse coas actuacións que se están a executar actualmente coa construción dun tanque de tormentas e coa ampliación do novo colector, cun investimento duns 6,5 millóns. O presuposto total da Xunta para a mellora do saneamento e o sistema de depuración de Rianxo achegase ós 14 millóns de euros, dos que o 80% serán financiados por fondos Feder.
Inicio BARBANZA