BOIRO> Permanecen illados outros dous nenos e dúas educadoras, á espera dos resultados das PCR. En Dodro tamén pechou unha unitaria por un positivo dun alumno na escola de Laíño, confinando ó resto do alumnado e a dúas mestras.
O positivo por coronavirus dun alumno da Galiña Azul de Praia Xardín detectouse durante a fin de semana polo que a Consellería de Sanidade activou de inmediato o protocolo de seguridade. Realizáronse PCR ós familiares directos do neno infectado así como a outros dous alumnos e dúas mestras que tiveron contacto estreito co menor durante as xornadas previas. Ningún presenta síntomas pero, polo momento, permanecen illados á espera dos resultados das probas.
Dase a circunstancia de que os cativos se atopaban aínda en período de adaptación polo que os contactos entre alumnos son moi reducidos posto que só conviven en cada aula tres nenos e as súas mestras.