Seguen as inspeccións para dar coa posible orixe do vertido na Ribeiriña

POBRA> Na Pobra seguen tamén as inspeccións no entorno da antiga fábrica de Hadasa, na Ribeiriña, co fin de detectar a posible orixe dun vertido aparecido no mar nos últimos días.

Técnicos de Augas de Galicia e da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade desprazáronse hoxe ás instalacións para seguir avaliando sobre o terreo cal podería ser a causa deste episodio contaminante.

No lugar segue a traballar tamén o Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da consellería do Mar, que estes días desprazou a varias embarcacións a realizar traballos de abatemento mecánico e a instalación de diverso material para combater a contaminación á zona, despregando unha barreira absorbente con faldón, para limitar a expansión da vertedura.

O concello da Pobra segue tamén con especial preocupación todo o que está a acontecer ó redor desta vertedura.

Segundo informaron trátase dun vertido pequeno e que xa está localizado.

Todo apunta a que podería vir, ó parecer, dos sedimentos que aínda perduran dun antigo depósito de hidrocarburos que apareceu durante as obras de rexeneración levadas a cabo no entorno.

O Concello agarda tamén que unha vez solucionado este episodio contaminante se busque unha solución definitiva ás antigas naves de Hadasa que aínda permanecen en pé.