A POBRA> A Pobra conmemorou o Día dos Museos cunha serie de actos no museo Valle-Inclán. Ademais das visitas guiadas a escolares, o centro acolleu a presentación dun concurso de carteis para ilustrar as xornadas de homenaxe ó escritor que se celebrarán en outubro.
A Concellería de Cultura da Pobra conmemorou o día dos museos achegando a figura de Valle-Inclán ós máis pequenos. O museo dedicado ó escritor recibiu a visita de numerosos escolares que tiveron ocasión de coñecer máis a fondo a obra de Valle a través de diversas mostras como a inaugurada este mediodía que recolle os distintos carteis das xornadas homenaxe a Valle-Inclán .
A edil de Cultura aproveitou tamén esta data para presentar o primeiro concurso de carteis das xornadas Valle-Inclán. Os creadores que o desexen poderán presentar un máximo de dúas ilustracións entre as que se seleccionará a imaxe das xornadas deste ano que se celebrarán en outubro.
O premio está dotado con 700 euros e tódalas obras presentadas, incluída a gañadora, formarán parte dunha exposición que se desenvolverá no museo coincidindo coa apertura das xornadas.