Xuventude entrega en Ribeira os premios Talento Mozo

RIBEIRA> A mocidade galega fixo gala do seu talento na entrega dos premios Talento Mozo que concede a Xunta de Galicia. Foron cinco os galardóns nas categorías de empresa, ciencia, rural, cultura e deporte. Este último recaeu sobre Ana Peleteiro que tivo ocasión de recoller o premio na casa posto que o acto celebrouse na lonxa de Ribeira.

A Xunta recoñece o talento da mocidade en diversos eidos a través destes premios que celebran este ano a súa primeira edición. A lonxa de Ribeira foi o lugar elixido para a entrega dos galardóns. Ana Peleteiro que vénde proclamarse campioa de España, recollía o premio no eido do deporte, na casa. Acompañábana outros catro mozos talentosos: Christian Vidal, distinguido na categoría de ciencia polo seu traballo no campo da química biolóxica e molecular, Paula Rodríguez, premio ó Rural pola súa investigación sobre cunicultura, Jorge López premiado no apartado de empresa tralo éxito das súas sneakers veganas exportadas a medio mundo e Sara Donoso no eido de Cultura e Creación.

O obxectivo da Xunta, coa concesión destes premios dotados cada un con cinco mil euros, é poñer en valor o exemplo, a dedicación, a persistencia e a paixón que cada un dos premiados encarna na súa carreira profesional.

Trala entrega, os premiados participaron nun coloquio no que narraron as súas experiencias vitais ata chegar a onde están. Todos insistiron na importancia do esforzo e traballo duro para conseguir o seu soño. Tamén aproveitaron para demandar máis apoio, especialmente no eido da investigación.