SEA e concello de Rianxo traballan da man para seguir co desenvolvemento do polígono

RIANXO>  Esta mañá mantiñan unha reunión na casa consistorial cun empresario interesado na compra dunha parcela neste polígono. Na xuntanza tamén informaban da adxudicación á conserveira Cerqueira dunha nova parcela de máis de once mil metros cadrados para desenvolver o seu proxecto empresarial.

A xerente de Solo Empresarial do Atlántico, Beatriz Sestayo, puxo ó polígono de Té en Rianxo como exemplo de bo facer. Un parque empresarial, que nestes momentos de pandemia, nun momento complicado para o sector empresarial, está a continuar coa súa boa evolución de venda de parcelas experimentada nestes dous últimos anos. Precisamente esta mañá mantiñan unha xuntanza cun empresario interesado en facerse con terreos neste polígono para desenvolver alí o seu proxecto empresarial.

Sestayo aproveitou tamén o encontro co alcalde para anunciarlle a venda dunha nova parcela de máis de once mil metros cadrados á conserveira Cerqueira que prepara xa a súa chegada ó parque empresarial rianxeiro.

Na actualidade o 70% do terreo do polígono de Té está vendido. Razón pola que o Concello e SEA traballan xa da man na planificación dunha posible ampliación.

Ademais destes asuntos na xuntanza de hoxe analizáronse tamén outros aspectos como a necesidade de acometer a mellora da sinalización tanto no propio parque empresarial como na autovía.