PONTEVEDRA> O Concello recibiu esta mañá a visita do ex alcalde de Barcelona Joan Clos. O encontro estivo enmarcado dentro da campaña municipal Efecto PO2. A asociación Ágora Urbana, liderada polo político catalán, colaborará co goberno local para definir a Pontevedra do futuro.
Definir a Pontevedra do futuro. Ese é o motivo desta visita. O ex alcalde de Barcelona Joan Clos reuniuse esta mañá con Miguel Anxo Fernández Lores e Anabel Gulías para pechar un acordo de colaboración. O Concello encargou á asociación Ágora Urbana, liderada por Clos, un estudo para determinar cara onde quere dirixirse a Boa Vila.
O obxectivo deste traballo é que modelo de Pontevedra siga sendo un referente internacional. Para iso estudaranse novas actuacións e propostas centradas no medio ambiente, na mobilidade e na mellora da calidade de vida dos cidadáns.
A asociación Ágora Urbana traballará conxuntamente co equipo da Universidade de Vigo liderado polo profesor Pedro Figueroa. Xuntos tratarán de avanzar nun modelo urbano que contribúa ao desenvolvemento e benestar da cidadanía.
Este acordo de colaboración está enmarcado na campaña municipal Efecto PO2 e os custes deste traballo estarán por debaixo dos 15.000 euros.