NOIA> A través dunha rede social ofrecíase unha falsa oferta de traballo. A denuncia foi presentada por unha veciña de Porto do Son á que presuntamente lle estafaran unha cantidade que supera os tres mil douscentos euros.
As investigacións realizadas por axentes da Garda Civil de Noia nas últimas semanas permitiron esclarecer unha estafa a través das redes sociais. O presunto estafador ofrecía un traballo en Suíza, solicitando diñeiro por adiantado para diversos trámites a realizar. as investigacións iniciáronse a raíz dunha denuncia presentada no cuartel por unha veciña de Porto do Son, á que presuntamente lle timara uns 3.245 euros en diversos pagos. As comprobacións realizadas polos axentes do Instituto Armado deron como resultado a localización do presunto estafador. Un veciño do concello ourensán de Ribadavia ó que lle constan numerosos antecedentes por feitos similares. Esta persoa puido ser identificada e todas as dilixencias foron postas a disposición do Xulgado de Garda de Noia, que é quen instrúe esta causa.