VILAGARCIA> O TAFAD do IES Miguel Anxo de Carril adianta a celebración dos xogos olímpicos. O alumnado do ciclo formativo organizou unha nova edición do programa deportivo de inclusión social “Marzo sen Fronteiras”. Máis de 400 participantes gozaron das actividades desta representación da competición máis prestixiosa do mundo.
O alumnado de TAFAD do IES Miguel Anxo de Carril volveu a organizar unha nova edición do evento “Marzo sen fronteiras”. Unha actividade na que traballar a inclusión social a través do deporte. A temática escollida este ano foron os xogos olímpicos.
Os futuros técnicos deportivos converteron Fexdega nunha recreación dos inicios dos xogos olímpicos en Grecia. Os competidores participaron en numerosas actividades.
O evento está organizado polo alumnado do segundo curso de TAFAD en colaboración cos do primeiro ano. As actividades están adaptadas para os usuarios das diferentes asociacións invitadas.
A iniciativa recibiu este ano o premio “Ás Boas Prácticas de Educación Inclusiva 2020” por parte da xunta de Galicia. O alumnado asistiu ao evento disfrazado con vestimenta da época aumentando o goce dos participantes. Tamén crearon unhas coroas de loureiro para entregar aos participantes. O evento pechouse cunha cerimonia de despedida que correu a cargo dun dj e un animador.