O Capítulo non desbota celebrar este ano a investidura, pero non se plantexa datas

CAMBADOS> Xa llelo contabamos onte. Finalmente esta fin de semana non haberá a investidura de novos cabaleiros do Capítulo Serenísimo do Albariño. Esta cita é outro dos clásicos que se cae da programación deste ano pola COVID-19. Aínda que nun primeiro momento anunciaron que se celebraría, onte finalmente decidían suspender de xeito temporal o evento para, explican, cumprir coas medidas sanitarias da Xunta de Galicia.

O Capítulo Serenísimo terá que agardar para incorporar á súa orde os novos cabaleiros. O anuncio do acto o luns parecía indicar que a cita resistiría a vaga de cancelacións provocada pola COVID-19. Pero finalmente o evento, outro dos clásicos da programación da Festa do Albariño de Cambados, tamén sucumbía á pandemia.

A intención era celebrar unha versión moito máis reducida do acto. Só se nomearían dous cabaleiros e se entregarían os distintivos aos Albariñenses de Honra. Todos eles persoas relacionadas cos colectivos que traballaron durante a pandemia.

A cancelación prodúcese despois de que o concello lles denegara o apoio loxístico que prestaba outros anos. O goberno cualificaba o mantemento do acto como unha irresponsabilidade. Así as cousas, dende o Capítulo negan que esta decisión tivera algún peso na suspensión do acto. Tamén aseguran que non recibiron ningunha notificación da Xunta.

Dende o Capítulo explican que se trata dunha suspensión e non dunha cancelación definitiva. A súa intención é retomar a celebración ao longo deste ano, aínda que son conscientes de que polo de agora é imposible marcar novos prazos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí