SANXENXO> O concello de Sanxenxo esixe a Costas do Estado a substitución urxente da pasarela de madeira de Baltar. Dende o goberno local denuncian o seu deterioro e recordan que se trata dunha estrutura de 31 anos. Lamentan que aínda que na delegación de Costas de Pontevedra se completaba esta actuación, finalmente non se levou adiante pola intervención, din, de Madrid.
O concello de Sanxenxo reclama a Costas do Estado que substitúa a pasarela de madeira do paseo de Baltar. A estrutura ten xa 31 anos e atópase nun pésimo estado de conservación.
Martín lamentou que Madrid abortara a intención da delegación de Costas de Pontevedra de levar adiante a actuación. O rexedor asegurou que había proxecto, recursos económicos e vontade para substituíla.
Dende o goberno local recordan que en moitas ocasións asumen tarefas que serían competencias de Costas para garantir a boa imaxe dos seus areais. Por exemplo, encargáronse da reparación dos danos nas praias de Canelas e Areas polos temporais ou do arranxo do muro de Lavapanos.
O alcalde reivindicou ademais que Baltar é unha xoia para o concello, e destacou que se trata da única praia urbana da ría que conserva as súas dunas.










