Baixa a participación nos cribados voluntarios dirixidos á mocidade

PONTEVEDRA> A cidade de Pontevedra segue a encabezar este incremento dos contaxios. A día de hoxe hai 150 casos activos, sete máis que na xornada de onte. O concello está no nivel medio de restricións, moi pendente do que poida decidir mañá o comité clínico. Mentres, as autoridades sanitarias instan á poboación a acudir aos cribados voluntarios ante a baixada da participación.

Os cribados voluntarios que se están a realizar en Pontevedra non teñen a acollida que gustaría ao Servizo Galego de Saúde. Segundo os datos da xerencia da área sanitaria Pontevedra e O Salnés, as convocatorias rexistraron baixadas importantes na asistencia. De feito, dos doce chamamentos realizados só o do alumnado de primeiro de bacharelato do Instituto da Xunqueira II superou o 71% de participación.

A resposta máis baixa foi a do cribado para o estudantado do Carlos Oroza. Estaban convocadas 348 persoas e só acudiron 96, pouco máis do 27%.

Entre o pasado 30 de xuño e onte estaban citados 2223 alumnos de centros educativos de Pontevedra e Poio e mozos de entre 17 e 20 anos de Poio e Marín. Finalmente, participaron nos cribados 1160, e entre eles detectáronse tan só catro positivos.

As probas puxéronse en marcha na área sanitaria para localizar posibles contaxios derivados do macrogromo de Mallorca. Tanto Pontevedra como Poio están no nivel medio de restricións e moi pendentes da reunión de mañá do comité clínico. Non se desbota unha suba das limitacións.

O nivel medio de restricións afectou fundamentalmente á hostalería. Os locais non poden superar o 30% de capacidade no interior e o 50% en terraza. Ademais, non se permitiu a reapertura do ocio nocturno que estaba prevista para o 1 de xullo.