Os concellos preparan as primeiras medidas sociais e económicas para afrontar o coronavirus

SALNÉS/CALDAS> Nos concellos do Salnés e do Ulla-Umia a administración local tamén adoptou medidas restrictivas para evitar a expansión do virus. Os gobernos municipais optaron por cancelar eventos, pechar os parques e os espazos públicos, e as oficinas municipais funcionan con servizos mínimos e optan pola atención telefónica e os medios telemáticos.

Concellos como Cambados, Valga ou Vilagarcía puxeron en marcha servizos especiais vía telefónica para atender persoas maiores que vivan soas ou as familias máis vulnerables. No caso cambadés, Protección Civil xa comezou a repartir paquetes de alimentos a máis de 50 familias inscritas no programa do concello. Tamén mercaron provisións para o banco de alimentos municipal e repartiron vales de compra para o supermercado.

Cambados tamén anunciou que aplicará beneficios fiscais nas taxas municipais para as empresas que teñan que pechar, e Vilagarcía paraliza temporalmente o cobro de impostos e taxas e estuda exencións a comercios e pemes. En Sanxenxo estase a preparar un paquete de medidas para frear o impacto económico. O concello conxelerá investimentos por valor de case 2 millóns de euros, que reorientarán ao apoio dos sectores máis afectados pola crise, como autónomos e pemes.

Recordemos que neste concello, ao igual que no do Grove, houbo un importante malestar entre os veciños pola chegada masiva de turistas de fóra da comunidade cara as súas segundas vivendas antes de que se limitara a libre circulación das persoas. Esta situación obrigou aos gobernos sanxenxino e meco a pechar as praias e pedir aos visitantes que gardaran corentena nas súas vivendas e hoteis.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí