Terra Calda busca mecenas para erixir en Caldas unha estatua ao rei Afonso VII

CALDAS> Caldas de Reis reclama unha estatua para Afonso VII. A Asociación Cultural Terra Calda impulsa unha campaña de crowdfunding para poder construír o monumento dedicado ao monarca nado na vila, coincidindo coa celebración do 900 aniversario da súa coroación como rei. Afonso VII será nomeado Fillo Predilecto de Caldas no pleno de xuño.

Afonso VII, rei de León, emperador de Hispania e orixinario de Caldas. A Asociación Cultural Terra Calda quere recuperar e poñer en valor a memoria histórica desta personaxe, unha das máis relevantes da historia medieval peninsular.

Por iso, veñen de impulsar un proxecto para erixir unha estatua na súa honra, coincidindo co 900 aniversario da súa coroación. Hoxe presentaron unha campaña de crowdfunding en Verkami para poder facer realidade o monumento.

A estatua está actualmente en elaboración e a intención é que se poida inaugurar a finais de setembro. Barállanse diferentes localizacións, como a contorna da Igrexa de San Tomé, a entrada de Román López ou as inmediacións do asilo.

Outra das accións que se realizarán en Caldas ao redor da figura de Afonso VII é o seu nomeamento como Fillo Predilecto. Segundo o alcalde, a intención é confirmalo no pleno de xuño.