SANXENXO> A Mancomunidade do Salnés clausura a décimo cuarta edición do seu Programa Integrado de Emprego superando todas as expectativas de inserción laboral. Actualmente, 83 dos 100 candidatos xa están traballando. Cando no arranque do programa o obxectivo era de 45. Unhas cifras que acreditan o bo funcionamento desta iniciativa, que articulou a realización de 30 cursos, 9 obradoiros de emprego e máis de 600 orientacións laborais.
Cen participantes, 83 insercións laborais, 30 cursos, 9 obradoiros de emprego e 624 orientacións. Son as cifras que resumen o que deu de si a última edición do Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade do Salnés e que acreditan o seu éxito.
Hoxe as instalacións do obradoiro de hostalería acolleron a clausura e entrega de diplomas desta décimo cuarta edición, na que se volveu apostar pola formación, a orientación e a adquisición de experiencia para mellorar as oportunidades de acceso ao mercado laboral.
Nesta edición, o Plan Integrado de Emprego superou con creces as expectativas. O obxectivo de inserción situábase no 45%. Finalmente, despediuse cun 83%. Un éxito para o que é fundamental traballar da man do sector empresarial da comarca á hora de detectar as necesidades do mercado laboral.
Para levar adiante este programa, a Mancomunidade conta coa colaboración da Xunta de Galicia. A administración autonómica fai unha achega de 220.000 euros para a súa organización.
Proximamente, a Xunta de Galicia anunciará cales son os Programas Integrados de Emprego aprobados para o vindeiro ano. Unha edición na que a Mancomunidade do Salnés agarda, unha vez máis, estar presente.











