Cortegada, zona clave para a recollida de información do medio mariño na ría de Arousa

VILAGARCÍA> A ría de Arousa conta con dous puntos clave para a observación e análise do medio mariño. Falamos da plataforma de Cortagada, do Observatorio Costeiro de Galicia, e da iniciativa REDEMAR, que conta con medidores nunha zona intermareal. A información que se recolle nelas permite facer predicións, ofrecendo respostas para o sector pesqueiro ou marisqueiro, pero tamén para facerlle fronte a posibles episodios de contaminación mariña.

A costa galega é fonte inesgotable de recursos e tamén de datos. Dende hai anos o Observatorio Costeiro de Galicia ten despregada unha gran rede de puntos de recollida de información. Del forman parte o Intecmar, Meteogalicia e o Cetmar. O seu traballo baséase na oceanografía operacional.

As tres institucións van da man na observación e predición. Para iso empregan plataformas oceanográficas como esta de Cortagada, na ría de Arousa, espalladas por toda a costa de Galicia.

Estas plataformas están situadas en puntos cunha profundidade de máis de cinco metros, con grandes oscilacións en función da marea, aportando datos a distintos niveis. Na procura de información de utilidade para o sector marisqueiro é onde aparece o proxecto REDECOS da iniciativa REDEMAR, con medidores instalados en postes da zona intermareal.

Ademais de información para sectores produtivos como o marisqueiro ou o pesqueiro, os datos que se recollen tanto a través de REDECOS como nestas plataformas oceanográficas serven para facer predicións, por exemplo de correntes, que son vitais ante posibles episodios contaminantes. Neses datos sostense o Camgal, o Plan Plan de Contaminación Mariña Accidental de Galicia.

Unha información, polo tanto, que debe ser o máis rigorosa e fiable posible. Para que non haxa alteracións, unha parte fundamental é o mantemento dos insturmentos que se instalan nas plataformas e boias.

Un mantemento que aquí, nas rías galegas, é moito máis laborioso que noutras partes do mundo. A alta actividade biolóxica da nosa costa, obriga a converter en mensuais tarefas de limpeza que noutras partes, incluso da costa española, poden facer só dúas veces ao ano.