GALICIA> Volven as restricións á hostalería para frea-lo avance dos contaxios de coronavirus. A Xunta e o sector acordaron solicita-lo certificado covid para acceder tamén a restaurantes e bares. A medida xa se emprega no ocio nocturno. Ademais, redúcese o número de persoas por mesa. O máximo quedará en 8 no interior e 15 no exterior. As medidas teñen que ser agora avaladas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
O repunte de casos de coronavirus en tódalas áreas sanitarias do país leva á Xunta a tomar medidas, de novo, na hostalería. Nunha xuntanza, o goberno galego acordou co sector novas restricións para frea-lo avance da pandemia. A primeira: pedirase o certificado covid para acceder a tódolos locais, como bares ou restaurantes, un requisito que xa se aplica no ocio nocturno. Tamén se reduce o número de comensais por mesa.
As medidas teñen que ser agora avaladas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Entre tanto, o vicepresidente da Xunta fai un chamamento a non baixa-la garda. Pide que as medidas se cumpran, unha vez entren en vigor.
O alivio ou endurecemento destas medidas, avanza Rueda, dependerá da evolución da covid nas vindeiras semanas.