GALICIA> O Grove é o único concello de toda Galicia que continuará unha semana máis no nivel máximo de restricións. Así o decidiu o comité clínico na súa última reunión. Segundo o Conselleiro de Sanidade, a situación mellora de xeito xeralizado e os datos confirman que a quinta vaga está remitindo. Así as cousas, pediu responsabilidade e que a cidadanía non baixe a garda.
A partires deste sábado, o concello do Grove pasará a ser o único de toda Galicia no nivel máximo de restricións. A situación mellora de xeito xeralizado en todo o territorio.
Muros, Meaño e Sanxenxo pasarán do nivel máximo ao alto, onde continúan Ribeira, Cambados, Meis, Vilagarcía, Portas, Poio e Pontevedra, entre outros. Tanto nestes concellos como no Grove o ocio nocturno manterase pechado, e os locais de hostalería terán que pedir certificado de vacinación, proba PCR negativa ou acreditación de ter pasado a covid19 aos clientes que queiran utilizar o interior dos locais.
No nivel medio estarán A Pobra, Boiro, Valga e Rianxo, na área sanitaria de Santiago, e A Illa, Cuntis, Barro, Vilanova e Catoira, na de Pontevedra e O Salnés.
O conselleiro fixo tamén un chamamento á cidadanía para que manteña as medidas de prevención dos contaxios, máis aínda nunha fin de semana como a que vén, na que coinciden festas patronais en diferentes puntos de Galicia.