Mascarillas solidarias confeccionadas por unha mestra da costura

RIBEIRA> A falla de material sanitario está a ser mitigada pola colaboración social. É o caso de Dolo Sanlés, unha veciña de Ribeira, que confecciona mascarillas caseiras. Non está soa nesta aventura; ademais da colaboración dos seus familiares xa logrou implicar a outros veciños e comerciantes da zona.

Dolo Sanlés decidiu poñer o seu oficio ó servizo da sociedade. O seu bo facer como costureira unido ó seu talante solidario motivouna a poñerse a coser mascarillas caseiras para abastecer ós servizos sanitarios da zona. Abonda con escoitala falar un ratiño para facerse unha idea da súa dedicación e sobre todo do entusiasmo que desprende por poder contribuír a minimizar os efectos desta grave crise. En tan só tres días xa leva elaboradas máis dun cento de mascarillas. As primeiras foron para o servizo de ambulancias, que realizou unha petición a través das redes sociais. Foi o que motivou a Dolo a poñerse mans á obra.

Coa inestimable axuda da súa nai e do seu home, Dolo seguirá a confeccionar mascarillas mentres non remita a pandemia. Unha pandemia que a pesar das súas graves consecuencias está a sacar a cara máis xenerosa da xente.

Aqueles que precisen dunha mascarilla só teñen que poñerse en contacto con Dolo a travñés do Facebook e ela buscará a maneira de facerlla chegar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí