Poio impulsa unha bolsa de voluntarios para actuacións relacionadas co estado de alarma

POIO> O Concello de Poio crea unha bolsa de voluntarios para actuacións relacionadas co estado de alarma. O grupo vai estar xestionado polo Departamento de Protección Civil. Din que se crea ante o gran volume de veciños que nos últimos días se amosaron dispostos a colaborar.

Poio, a través de Protección Civil, impulsa a creación dunha nova bolsa de voluntariado, á que se poderá recorrer en caso de emerxencia social. Esta grupo pretende dar resposta a necesidades que estean relacionadas co estado de alarma decretado polo Goberno Central.

Segundo explican dende o Concello, a creación deste servizo parte da gran cantidade de   persoas que nos últimos días amosaron a súa intención de botar unha man. Engaden que por esa razón crearon este novo grupo baixo a batuta de Protección Civil, para garanti-la seguridade de todos aqueles que participen.

Os veciños interesados en participar neste iniciativa deberán completar un formulario que xa está dispoñible na web municipal.

Esta bolsa de voluntarios recibiu xa o visto bo da comisión de seguimento do COVID-19. Na súa última reunión tamén deron conta das actuacións realizadas ao longo dos últimos días, nos diferentes departamentos municipais, para continuar a loita contra a extensión do virus.

Ademais, segundo indican dende o Concello, continúase traballando na elaboración de axudas económicas para o tecido empresarial e laboral do municipio, que xa se atopan en mans do servizo de Intervención e Tesourería.