PONTEVEDRA> Hoxe é o Día Mundial contra o Cancro de Colon, unha efeméride que dende a Asociación Española Contra o Cancro quixeron aproveitar para concienciar da importancia dos cribados. Unha proba moi sinxela, din, que se pode realizar na casa pero que pode mudar por completo o xeito de enfrontarse á enfermidade cun diagnóstico precoz.
Que a detección precoz do cancro salva vidas é a mensaxe que non se cansan de repetir dende a Asociación Española contra o Cancro. Hoxe, Día Mundial contra o Cancro de Colon, puxeron o foco nesta patoloxía.
Os voluntarios da asociación centraron o seu labor de divulgación no Programa Galego de Detección Precoz do Cancro Colorrectal. Unha proba moi sinxela que se pode realizar na casa pero que pode mudar por completo o xeito de enfrontarse á enfermidade cun diagnóstico temperán.
A participación no programa galego de cribado no 2023 foi de menos dun 55%, dez puntos por baixo do 65% mínimo para que estas iniciativas se consideren eficaces. No 2024 diagnosticáronse 2.839 novos casos de cancro de colon en Galicia, situándoo como o tumor con maior incidencia na comunidade. Deles, 920 corresponden á provincia de Pontevedra.
Para mellorar estes datos, a Asociación Española contra o Cancro de Pontevedra e os seus voluntarios saíron hoxe á rúa. Un deles foi Alfonso Suárez. El estreouse hai pouco na súa colaboración coa entidade, despois de coñecer moi de preto o impacto do cancro.
Dende a Asociación marcan como obxectivo acadar os datos que xa se dan noutras comunidades, como País Vasco ou Navarra. Aquí as cifras de cribado sitúanse por riba do 70%.











