PONTEVEDRA> O futuro centro de acollida para mulleres en risco de exclusión social que habilitará Cáritas en Pontevedra encara a súa fase final nas obras. Bautizado como Santa Ana, busca ofrecer un aloxamento digno, acompañamento social e espazos terapéuticos a mulleres vulnerables na comarca. Un centro pioneiro na contorna. Para completar o proxecto, que supón un investimento de 450.000 euros, Cáritas vén de poñer en marcha unha campaña de micromecenado.
Ofrecer un espazo estable e seguro para as mulleres en risco de exclusión social. É a función que cumprirá o Centro de Acollida e Inclusión Santa Ana, que Cáritas está a construír en Pontevedra.
Trátase dun centro pioneiro, que estará localizado no número 64 da rúa Joaquín Costa. Serán oito habitacións, sete delas individuais e unha dobre adaptada para mulleres con discapacidade. Tamén haberá zonas comúns.
Actualmente as obras encaran a súa fase final. O proxecto precisa dun investimento de 450.000 euros. Por iso Cáritas vén de poñer en marcha unha campaña de micromecenado para conseguir o apoio da cidadanía.
A intención é que as instalacións poidan estar funcionando o vindeiro ano.
A iniciativa enmárcase na terceira fase dun proxecto que xa supuxo un investimento de 1,5 millóns de euros, que permitiron a posta en marcha do Albergue San Javier e do Centro de Atención Continuada San Roque.











