PONTEVEDRA> O Goberno Central aprobaba hoxe 20.000 millóns en avais para dar crédito ás empresas. Pero o certo é que os emprendedores e pequenos empresarios enfróntanse a un futuro máis que incerto, polas consecuencias da crise do coronavirus. Os colectivos de apoio, como AJE Pontevedra, intensifican estes días a súa labor de asesoramento telemático para resolve-las dúbidas que xorden nun contexto tan complicado como este. O colectivo pontevedrés mesmo puxo en marcha unhas pílulas informartivas a través das súas redes sociais.
O coronavirus non afecta só á saúde das persoas, senón tamén á de moitas pequenas e medianas empresas que, agora, miran de reollo o seu futuro.
Para resolve-las incertezas derivadas desta situación, colectivos como a Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra mantén a súa actividade a pleno rendemento. O colectivo continúa prestando asesoramento de xeito telemático, consciente das dificultades que está a sufrir o tecido empresarial.
Un dos temas que máis dúbidas está a xerar é a dos Expedientes Temporais de Regulación de Emprego, unha fórmula da que están a botar man moitas empresas, pero que tamén ten a súa parte negativa dende o punto de vista empresarial.
Moitas das dúbidas que lle poden ir xurdindo nestes intres a empresarios ou emprendedores atopan resposta tamén nas redes sociais de AJE Pontevedra. O colectivo puxo en marcha un espazo no que lanza información de utilidade sobre cuestións empresariais e laborais.
Ademais, AJE decidiu suspender de xeito temporal o cobro das cotas ós seus asociados, polo menos, ata que se supere esta situación.
O colectivo empresarial agarda que a actual situación remate canto antes para que a repercusión sobre o tecido empresarial teña o menor impacto. Aproveitan para agradecer a todos os que estes días seguen traballando, como servizo público, para garantir que a nosa sociedade siga funcionando.