PONTEVEDRA> En Pontevedra, continúa coleando a crise aberta no concello tralo rexeitamento dos orzamentos para o 2024. Hoxe foi o líder da oposición e do Partido Popular, Rafa Domínguez, quen avaliou a situación tralo pleno do luns no que o alcalde non superou a cuestión de confianza. Domínguez tendeu a man ao Partido Socialista. Quere dialogar con eles na procura de acordos programáticos e explorar posibilidades para quitar a Miguel Anxo Fernández Lores da alcaldía.
O pleno deste luns foi para o Partido Popular unha demostración da debilidade da alcaldía de Miguel Anxo Fernández Lores. Por iso Rafa Domínguez quere tomar a iniciativa.
Neste camiño buscará a complicidade do Partido Socialista e do seu líder, Iván Puentes. Domínguez explicou que contactará con el para iniciar o diálogo, cos seus programas electorais como punto de partida.
Para Domínguez, que evitou falar de moción de censura, esta proposta deixa aos socialistas nunha encrucillada.
O popular cre que o único impedimento que pode ter Puentes para negociar con el son, asegurou, as posibles represalias do Partido Socialista. Por iso pídelle que escolla entre o futuro de Pontevedra e a súa formación.