PONTEVEDRA> A obriga de permanecer na casa arrebatou a moitos as súas rutinas deportivas. Cos ximnasios pechados e sen poder correr pola rúa, moitos deixaron de lado a súa actividade física. Para evitar caer no sedentarismo, o Concello de Pontevedra acaba de poñer en marcha un programa de adestramento gratuíto con máis de 300 clases virtuais.
Manterse en boa forma física tamén é fundamental para supera-la corentena. A obriga de quedar na casa impide usar instalacións como esta, o Complexo Deportivo de Campolongo, en Pontevedra.
Para que os seus usuarios poidan continuar coas súas rutinas deportivas, o Concello de Pontevedra, canda a empresa concesionaria destas instalacións, puxo en marcha un programa de adestramento caseiro.
O servizo ofrece máis de 300 clases como esta, impartidas por profesionais. Hai actividades de tonificación, baile, meditación, ioga ou pilates, por exemplo.
O único que deben facer os que queiran participar nesta iniciativa é rexistrarse na páxina web de Beone.
Ademais, a concesionaria do Complexo deportivo de Campolongo tamén oferta tódolos días clases en directo, gratuítas e en aberto no seu perfil oficial nas redes sociais. Na súa conta de Facebook tamén irán publicando as gravacións das clases xa emitidas, para que ninguén perda ningunha das sesións.