A POBRA> O goberno da Pobra informou dos proxectos a financiar con cargo ás achegas do Plan de Obras e Servizos da Deputación para 2019 e 2020. Os investimentos ascenderán a preto de oitocentos mil euros con actuacións destacadas como as melloras no Camiño Real, o saneamento do Freixo ou a reforma do centro social do Camiño Ancho.
A partida máis cuantiosa, preto de douscentos mil euros, destinarase á primeira fase de mellora do Camiño Real.
A ampliación da rede de saneamento no Freixo suporá unha partida de cento cincuent amil euros e completará a dotación de servizos en Cadreche e San Isidro, executada con cargo a anteriores convocatorias do POS.
A reforma do centro social do Camiño Ancho ocupa outra das partidas principais, cento vinte e dous mil euros, que servirán tamén para a construción dun parque infantil e unha pista deportiva nas instalacións,
Tamén se investirá en accesibilidade coas melloras na rúa Fernández Varela e a praza de Escurís.
Para a aprobación deste plan, o goberno comprometeuse a revisar á baixa os proxectos de centro sociocultural e de accesibilidade. Tamén a dotar de vestiarios ós mariscadores dos Raposiños.