Cambados Pode mantén a moción para debater os horarios do Albariño no pleno

CAMBADOS> A pesares de que o acordo toma forma, o convenio semella insuficiente para Cambados Pode. José Ramón Abal insiste en que o pleno é o lugar onde se debe debater a polémica polos horarios de peche, polo que a súa intención é manter a moción para que os grupos da corporación se pronuncien na sesión deste xoves. Para Abal, o convenio non dá resposta ás principais dúbidas, e é unha tomadura de pelo aos cambadeses.

Cambados Pode manterá a súa moción sobre os horarios da Festa do Albariño. A formación non ve suficiente que o convenio recolla a intención de axustarse á lei autonómica que regula a apertura nestas festas, e insiste en que é o pleno da corporación quen se ten que pronunciar.

Para José Ramón Abal, un convenio como o que están a ultimar a alcaldesa e o Consello Regulador é insuficiente. O edil apostaría por unha fórmula máis completa e de longa duración.

Por iso, a súa intención é conseguir o apoio da corporación á moción que levará a pleno o vindeiro xoves. A iniciativa está pendente dun informe da secretaría solicitado pola alcaldesa, para cerciorarse de se é posible debater unha iniciativa contraria á lei autonómica.