GALICIA> 120 mil máscaras, 25 mil traxes de protección e 350 mil luvas. Este é o material de protección que a Xunta de Galicia comezará a distribuír entre os concellos galegos.
Esta mesma semana, o goberno autonómico porá en marcha unha plataforma loxística para axilizar o reparto, levando os equipos aos municipios.
Este material forma parte dun lote máis amplo que chegou onte mesmo a Galicia. Ademais do mercado pola Xunta, tamén chegaron unidades procedentes de doazóns: 100 mil do xigante Inditex e outras 100 mil do Grupo Caamaño. Como indicou Alfonso Rueda, o material de protección distribuirase con carácter prioritario a hospitais, centros de saúde e residencias sociosanitarias.
Por outra banda, na reunión do Centro de Coordinación Operativa da Xunta tamén se abordou a posta a disposición de establecementos hoteleiros para que se poidan aloxar os sanitarios, ben por vivir lonxe das súas vivendas, ben para evitar contaxios entre os seus familiares.
Segundo o goberno autonómico, xa contan con máis de 4.000 prazas en máis de 100 establecementos habilitadas para os que desenvolven servizos esenciais e precisan pernoctar fóra das súas vivendas.
Valoración das novas medidas
Tamén valoraron o Real Decreto que profunda no confinamento. O vicepresidente recoñeceu que o goberno do Estado está a afrontar unha xestión difícil, e pediu que os cambios que se decidan non xeren máis incertidume entre a cidadanía. Así as cousas, Alfonso Rueda celebrou que o executivo de Pedro Sánchez recollera algunhas das suxestións da Xunta.