As Rías Baixas, na fase 2 da desescalada dende o vindeiro luns

GALICIA> Galicia entrará na fase dúas o vindeiro luns. As catro provincias avanza no proceso de desescalada. Co arranque da próxima semana entrarán en vigor novas medidas de alivio nas restricións que estaban establecidas ata o de agora. Ábrese a posiblidade a visitar a maiores en centros da terceira idade e tamén estará permitido o baño nas praias. Iso si, Galicia manterase aínda sen mobilidade entre provincias.

A partir do luns da semana que vén Galicia entra na segunda fase da desescalada. O avance das catro provincias desvelábao hoxe o Ministro de Sanidade. Segundo Salvador Illa a decisión baséase na máxima do goberno central de que cada paso que se dea no proceso de desescalada sexa seguro.

A nova fase na que vai entrar a nosa comunidade supón medidas de alivio nas restricións que se estaban a aplicar á cidadanía na fase un na que aínda continuaremos ata o luns.

A partir da semana vindeira, ábrese a posibilidade de visitar a familiares que se atopen en residencias de maiores.

Tamén vai estar permitido o baño nas praias e poderase emprega-lo interir dos locais do sector hostaleiro. Tamén se poderá ir ó cine ou teatro, con aforo limitado a un terzo e entrar en máis comercios.

Nesta nova fase non haberá franxas horarias en ningunha parte do territorio, aínda que si horarios preferentes para a poboación vulnerable.

Minutos antes de coñece-la noticia, o presidente da Xunta amosábase convencido  de que Galicia lograría pasar de fase. Alberto Núñez Feijóo aproveitaba para facer un chamamento á cautela e seguir respectando a distancia social, malia o cambio de fase.

O que Galicia non consegue, polo de agora, é a mobilidade entre provincias, unha postura que defendía a Xunta, pero que non contou finalmente co visto bo do executivo central, ó entender que a limitación da circulación das persoas segue a ser clave para controla-la enfermidade.