O BNG de Porto do Son mostra o seu malestar polo peche do Servizo de Urxencias

PORTO DO SON> O BNG preocúpase polo peche do Servizo de Urxencias de Porto do Son e o feito de centralizar toda a atención sanitaria da zona en Noia. Dende as filas nacionalistas, a pesar de ser conscientes da situación de excepcionalidade que se está a dar, non entenden a toma desta decisión, xa que a poboación maioritariamente usuaria deste servizo se corresponde co sector de poboación de maior risco.

Entre outras cuestións ó BNG sonense parécelle preocupante que se opte por unha medida deste tipo, centralizando a atención en menos centros, cando tódalas indicacións que se teñen trasladado á poboación van no sentido contrario, tratando de evitar aglomeracións e lugares concorridos.  Tamén sinalan que a maior parte dos usuarios deste servizo son poboación de risco, ben por idade ou por ser enfermas crónicas, polo que deben evitarse as saídas e os contactos, polo que obrigalas a desprazarse nalgún caso a máis de quince quiólemtros para unha atención sanitaria urxente non parece o máis axeitado. Dende o BNG agardan tamén a que esta situación de crise sanitaria non sexa empregada para seguir coas políticas de recortes, privatizacións e desmantelamento do Sistema Sanitario Público Galego.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí